Un ano despois de sacar PAVA, o primeiro traballo musical en solitario de Lucía Aldao, recibimos agora PAVA2, un novo EP de 4 cancións que ben completar o anterior coa intención de poder levalo ao directo en 2023.
Desde o 29 de decembro poderase escoitar o EP completo en todas as plataformas.
O 20 de decembro poderase escoitar o adianto, “Sensata e con coche”, un canto á amizade, á necesidade doutras olladas que, desde o amor, nos axudan a cuestionarnos as nosas propias crenzas e revisar os nosos discursos, que falta fai.
A composición desta canción foi inspirada pola apertura do faro de Oza á cidadanía coruñesa en 2018. Este verán regresamos á zona das Xubias para gravar a versión en directo que podedes escoitar neste vídeo.
Lucía Aldao é unha poeta coruñesa nacida en 1982. Leva máis de 20 anos dedicándose de xeito profesional ao mundo da poesía escénica, da música e do humor.
En 2005 xúntase coa tamén poeta María Lado, e a día de hoxe continúan ofrecendo os seus
espectáculos nos escenarios máis variados do país e fóra das fronteiras deste. Xuntas son aldaolado, o irreverente dúo poético que mestura a poesía co humor e a música nun exercicio de comunicación directa co espectador.